«É incrible que aínda non haxa conciencia de que hai que poñer guantes ao entrar»
Gonzalo Torrado, copropietario de Supernito, cre que esta crise vai servir de cura de humildade e para revalorizar o pequeno comercio e o agro galego
No seu medio século de vida, en Supernito nunca viviran unha situación parecida e, coma todos os negocios de alimentación, afronta esta crise aberto ao público e tomando as medidas de protección necesarias. Só piden «que a xente compre con responsabilidade, se non che fai falta non saias da casa».
O día 13 de marzo xa controlaban o aforo e había colas á porta do supermercado. Pensaban que un mes despois seguirían igual?, ata cando cre que se vai dilatar esta situación?
-Se che digo a verdade, si, e, por desgraza, penso que nos van ter así ata primeiros de xuño.
-Que cambiou desde ese día?
-Moitas cousas. En primeiro lugar a actitude do cliente cara nós e de nós cara ao cliente. Aínda que os clientes son os de sempre e hai moita diplomacia e retranca galega, hai máis desconfianza, hai ansiedade, todo o mundo está máis precavido ante posibles contaxios.
-Acabouse a charla no súper?
-Penso que a xente quere falar e achegarse, a xente necesita o contacto social, pero as medidas que nos impoñen obrigan a manter a distancias.
-Ir ao supermercado é para moitas persoas o único momento do día no que saen da casa…
-E moitos aproveitan iso para relacionarse, pero, na cola, a xente non se achega e intenta moderarse. O que é incrible é que cometamos todos os días os mesmos erros, que non haxa conciencia de que hai que poñer os guantes ao entrar nun establecemento público cando os teñen á súa disposición, igual que o desinfectante.
Que porcentaxe diría vostede que incumpre as normas?
-Entre un 10 ou 15 %.
-A como o xustifican?
-Dinche que se esqueceron ou que non o sabían… Parece mentira que sigamos así con toda a información que hai.
-Tiveron algún conflito?
-En ningún momento, a xente foi moi respectuosa desde o primeiro día que tomamos medidas.
-Como mudaron os hábitos de consumo?
-Nós traballamos unha sección que é a hostalería e nos afectou moito, porque representa o 30 ou 40 % da nosa facturación. O que creceu foi a carnicería.
-Que demanda a xente?
-Ao principio, todo o mundo pedía hamburguesas, agora empezan a levar tamén chuletas para asar na casa, sobre todo cando o tempo se presta.
-A carnicería é un dos sectores beneficiados nesta crise?
-Non é que se venda máis, o que hai é máis traballo, porque antes un restaurante levaba dous chuleteros enteiros de tenreira de 40 quilos e agora temos que partilo por unidade. Igual pasa cos elaborados: pinchos, hamburguesas, roliños de carne, costela adobada, chourizo e criollos.
-O que tamén se está vendendo moito é froita ¿non?
-Si, a froita agora está moi demandada, hai quen se queixa porque non atopa plátanos maduros…, e que non dá tempo.
-A que atribúe esta tendencia?
-Ao estar na casa non te moves e tes que comer máis san, non podes encherte de snacks e galletas. A primeira semana foi espectacular, todo o mundo levaba pipas e palomitas. Grazas a todo isto moita xente está aprendendo a cociñar e, como di meu pai, sérvenos para unha cura de humildade, de consumo, e para valorar máis o campo, que está moi abandonado e é de onde vimos.
-Como andan de papel hixiénico?
-Nós en ningún momento quedamos sen el nin sen fariña, aínda que agora falta fariña de forza e levadura porque as fábricas están restrinxindo a produción. O único que non temos é alcohol.
-Cal é o perfil do cliente agora?
-Dunha media de idade entre 25 e 60 anos. Non ves un neno nin a xente maior.
-Supernito presume de ser de aldea, vai servir esta crise para revalorizar o comercio de proximidade?
-A tenda pequena vai levar desta crise un pequeno avance, aínda que non todo o que debería. A xente, por medo, non vai a moitos quilómetros a comprar, vai a tenda de barrio.